Pesquisar este blog

terça-feira, 23 de março de 2010

Häschen in der Grube

Unha das cancións que Ewa lle canta a Anni neste libro que nos trouxo de cancións infantís en alemán.


Anni merendando na clase

Sabías que en Alemania tamén se aprende galego?

quinta-feira, 18 de março de 2010

África Salinae nana

Xa que Florence voltou de Costa de Marfil aproveitamos para falar do seu país. Despois de situalo no mapa, ler algo da súa historia ou calcular os anos que foi colonia francesa, aprendimos un par de palabras de supervivencia en dioula , lingua que falan ademais países veciños como Malí ou Burkina Faso (dji por exemplo significa auga e djegué peixe) e vimos algunhas fotos de Korhogo e Abidjan. Florence contestou as preguntas que lle fixemos e contou que quere ser agricultora e cultivar hevea, a árbore do caucho. Falamos do cacao, de como o seu cultivo precisa sol e sombra, por iso ás veces plántanno baixo as bananeiras que protexen as plantas do cacao mentras son pequenas e non aturan o exceso de sol.

Unha destas tardes visitamos a exposición sobre artesanía africana na casa da cultura de Cangas e esta semana a de Catalá-Roca na Fundación Barrié de la Maza e as salinas romanas do Areal.

Fixemos algunhas fotos e saíron movidas pero as escenas teñen o seu encanto: Nati e as súas compañeiras fascinadas co tear que Ibrahima lles ensinou, o sorriso de Florence, a diminuta man de Anni tocando a de Norberta, Margaret toda atenta na clase, as meninas merendando na excursión e a hora do café para todas antes de apañar o barco.
Non vos perdades o final e subir o volume para escoitar a linda voz de Ewa cantando en alemán nanas á súa pequena (de vagariño por certo, como di a letra da primeira canción, dos brasileiros Sandra Peres e Paulo Tatit).

terça-feira, 16 de março de 2010

lingua materna

Se perdemos a lingua, perdemos parte da nosa identidade.
Cada  21 de febrero, desde 1999, celébrase o día internacional da lingua materna. Unha maneira de nos lembrar que das case 7000 linguas que existen no mundo, máis da metade corren perigo de extinción.

segunda-feira, 15 de março de 2010

Costa de Marfil



Comezamos unha unidade didáctica sobre Costa de Marfil.
Temos algunha idea acerca das linguas que alí se falan, como o beté que falan as nosas compañeiras, o dioula e moitas máis linguas, que o francés é a lingua oficial e que os principais cultivos son o cacao e o café, e tamén banana, piña, palma, millo, sorgo e maní. No que se refire ás industrias destaca a industria alimentaria baseada nos cultivos e a madeira, procesamento do petróleo procedente de Alxeria, plantas de montaxe de automóbiles, construción, asteleiros,...

Para empezar podemos ubicar o país nun mapa de África e vemos que está situada na costa occidental atlántica, no golfo da Guiné.

Praias e manglares, sabana e selva, poboados de construcións artesanais e cidades con modernos edificios, mezquitas e basílicas,... en Costa de Marfil pódese encontrar todo tipo de contrastes na paisaxe xeográfica e humana, como se pode ver na galería de fotos da web de losviajeros.com , ou nesta outra onde se poden ver fotos de Abidjan, a cidade máis poboada do país, principal porto e capital económica e diplomática(desde 1983 a capital oficial é Yamusukro).

sexta-feira, 12 de março de 2010

ser muller (sen palabras)

A estas alturas da era da información, ademais de aprender, investigar, crear, participar, descubrir, disentir, resistir e un longo tren de verbos sen fin, as mulleres continúan sendo as que teñen preferentemente que ocuparse da crianza e as tarefas domésticas.
No instituto rapaces e rapazas participan cada 8 de marzo nunha xincana de tarefas domésticas para ir adquirindo a responsabilidade de compartilas e o deber de concienciar dese asunto a toda a sociedade.

Por mor de ter que atender a casa e ás criaturas pequenas, as mulleres sobre todo no rural son privadas aínda hoxe, do dereito máis elemental: a educación. Até hai unhas poucas décadas iso era moi habitual por aquí, se non que o conten as mulleres que veñen aprender a ler ao instituto con setenta, oitenta anos e máis.
Pero, alguén ten unha só razón pola que unha nena non poida ir á escola igual ca seus irmáns varóns?
Binta e a gran idea recrea esa situación con sentido crítico e humor. En francés con subtítulos en español.

"Debemos aprender dos páxaros, di o pai de Binta, porque son moi intelixentes: eles collen o mellor do norte e o mellor do sur".

Poderemos coller tamén o mellor dos homes e o mellor das mulleres para construír mellor o mundo?

Ser muller ten que deixar para sempre de constituír un atranco para avanzar.
De momento, quen o é, e para non esquecelo, que o repita como un mantra...

Je suis une femme I am a woman Ich bin eine Frau Εγώ είμαι γυναίκα Soy una mujer Аз съм жена Sóc una dona Io sono una donna Son uma mulher Son unha muller...

quinta-feira, 11 de março de 2010

de aquí e acolá

Hai un dito que di "a xente é de onde pace e non de onde nace".
Pois ben, a xente que vive por aquí é de aquí, mesmo sendo de acolá que é calquera outra parte, incluída a parroquia de enfrente.
Estas fotos xa teñen algún tempo, pero dalgún xeito reflicten a mistura que se vive na quenda de tarde dun instituto de secundaria con respecto ás diferenzas de idade, país de orixe, relixión ou xénero. Mesturadas, fotos do Fiadeiro nunha gala de hai uns anos e dun espectáculo da Fura dels Baus chamado "Acción A mámoa" onde estudantes formando un botafumeiro humano espallaban simbolicamente sobre o campus da universidade flores que simbolizaban o coñecemento.




Aquí vai a letra de "Paralá" a canción de Mercedes Peón que acompaña as imaxes:

Iai lela lelá…
Olla lá, la chançon de la Galice!

Para toda a miña xente
Son do Paralá
Para todos os meus parentes
Son do Paralá
Para a xentiña da Gholada
Son do Paralá
E para os de Oza do Río
Son do Paralá

Para toda a miña xente
Para tódolos meus parentes
Para a xentiña do mundo
Para meu irmao presente

Para a xente que non marxina
Son do Paralá
Para os que son musulmáns
Son do Paralá
Para os que son orientais
Son do Paralá
Para miña xente africana
Son do Paralá

Muiñeira da Ribeira
Muiñeira ribeirana
Muiñeira da Ribeira
Tócocha de mala ghana

Vaina levando na volta
Na volta vainos levando
Como están aquí de novas
Vainos acariñando

Para aquí para alá
Para alá para acá
E os de aquí para acolá
Para máis para alá

E os do Brasil vinde para aquí
Que nos imos para alí
E alén de alí

E o mundiño rola rola
O mundiño a rolar
E así anda e así anda
Teremolo que coidar
E así anda e así anda
E así anda e así anda
O mundiño a rolar