No instituto de Rodeira celebramos de novo o Samaín, a festividade que abre o ano novo na roda do tempo celta.
Por iniciativa do equipo de normalización e dinamización lingüística do centro, as paredes cubríronse de murais con debuxos da Santa Compaña, esqueletos, pantasmas, lobishomes, urcos e lobos que ouvean á lúa; tamén con contos transcritos da tradición oral, foto-historias de sustos e de medo e outras nas que a morte acaba por ser un personaxe leal e ecuánime que trata a todos por igual.
Na biblioteca, ambientada con velas, libros de terror e unha arañeira xigante, a tarde do venres 29 fixéronse lembranzas e contáronse lendas rurais e urbanas e pequenas historias relacionadas coa morte, ademais de anécdotas de situacións ás veces case divertidas nas que o principal protagonista é o medo.