Acontece coas linguas como coas especies. Unhas poden ser depredadas por outras cando o equilibrio se rompe. Mais todas son únicas, necesarias e todas teñen a súa función por insignificante que pareza.
Defender a diversidade das linguas é loitar para que non se extingan, para que se falen e se fagan escoitar,
para que se escriban a todos os ventos,
para que se canten e se vistan se fai falta de bandeiras, para afirmar que a lingua nos importa, que, no noso caso, significa seguir ensinando e aprendendo en galego!
Para facerse unha idea un par de vídeos do IES de Porto do Son ben representativos: O primeiro, da manifestación do 21 de xaneiro día da folga contra o decretazo, coas palabras, entre outras, de Ferrín o noso poeta presidente da Real Academia Galega, da cantora Guadi Galego, de poetas como Anxo Angueira, Chus Pato, X.M.Álvarez Cáccamo, Fernán Vello... O segundo, coa lúcida intervención, entre outras tamén, da nosa coordinadora de Normalización e Dinamización Lingüística, durante a Xornada de Formación dos Premios á Innovación en Normalización Lingüística 2009-2010.