Pesquisar este blog

terça-feira, 25 de maio de 2010

cantigas de amigo

O 14 de maio presentouse na illa de San Simón o proxecto Cores do Atlántico, coa idea musical da cantora brasileira Socorro Lira que xunto á interpretación teórica que a catedrática holandesa Ria Lemaire fai das cantigas medievais galego-portuguesas deu lugar a un libro disco. Para Ria Lemaire as cantigas de amigo eran cantigas de traballo cantadas por mulleres nas que se inspiraron ou copiaron directamente os trovadores a quen tradicionalmente son atribuídas. A parte visual do libro son cadros de Quique Bordell, que se podían tamén ver expostos na capela ese día. A pesar da nortada que facía, o concerto foi unha experiencia inesquecible e contou con participacións de luxo como a da brasileira Margaret Menezes, a galega Uxía -artífice de importantes contribucións na onda da lusofonía como o proxecto "Cantos na maré"-, Joao Afonso, a gaiteira portuguesa Teresa Paiva e estupendos músicos tamén brasileiros. Comezou coa versión que Socorro Lira fai da cantiga de San Simón cunha adaptación da letra ao xeito de falar de hoxe.

Cores do Atlántico - Concerto 1/3 from Casa de Tolos on Vimeo.


A illa de San Simón xunto co mar de Vigo son o escenario dalgunhas das máis coñecidas cantigas de amigo medievais. Pese a ter xogado un triste papel durante a represión franquista, a súa esencia é poética e a illa é unha cantiga.

Aquí pódese ler a cantiga de San Simón en galego-portugués, catalá, eusquera, latín e castelán.

No disco Cores do Atlántico participa tamén Eneida Marta, cantora guineense a quen botamos en falta no concerto. Contra o final da cantiga ela canta unha estrofa no seu crioulo da Guiné Bissau, e pensando nun “nha amigo” de lonxe vai esta música - “batuque con intenção de ijexá”- acompañando as fotos da ría camiño de San Simón, a chegada, preparación do concerto, actuación e mais media ducia de imaxes da illa nun día con menos nubes….