Desde hai varios cursos, practicamente desde que se integraron as Escolas de Adultos nos institutos, e en particular a Escola de Adultos de Cangas no IES de Rodeira, que é o noso caso, impartíronse clases para persoas estranxeiras. Son grupos heteroxéneos nos que se poden escoitar diversas linguas e ler diversas grafías, como árabe, berber, ucraíno, chinés, grego.
Ao comezar o curso e cando chega alguén novo usamos mapas para ver os lugares de procedencia. Así sabemos onde ubicar as vidas das persoas e as linguas que falan.
Escóitanse moitas linguas diferentes na clase de Lingua para persoas estranxeiras!
Unhas son linguas comúns e moi faladas, como o inglés, o francés, o portugués,... outras son para nós ben difíciles de aprender como o chinés; hainas das que a penas se coñece o seu alfabeto, como o berber ou amazigh (falado entre outros países en Marrocos), as que ao escribilas ou lelas víransenos os ollos pois van en sentido oposto ao que acostumamos como o árabe, e as como o grego lembran as matemáticas, a física e a cultura clásica.
Dentro do grupo descúbrense afinidades e nalgúns casos créanse auténticas amizades, mais asemade tratamos de propiciar a relación cos demais grupos, participacipando en saídas, festas e excursións, para coñecer os lugares, costumes, xeografía, historia e lingua propias da Galiza que é onde vivimos; e aínda que moitas das persoas chegan pedindo castelán acaban interesándose polo galego xa que é a lingua que escoitan ao seu arredor, no mercado, no instituto, ou á súa propia familia política cando se dá o caso e que cada vez é máis habitual: hai quen cambia de país en busca de traballo e quen o fai por vivir coa parella e se cadra co resto da familia tamén.
Actualmente o alumnado estranxeiro da quenda de tarde procede de Inglaterra, Brasil, Ghana, Costa de Marfil, Alemania e Marrocos, pero noutros cursos pasaron por estas clases persoas que viñan de Suíza, Portugal, Ucraina, Grecia, Rumanía, e mesmo de máis lonxe como Suráfrica, Madagascar, Filipinas, Tanzania ou China.
Algunhas destas persoas voltan ao seu país ou continúan viaxando; e hainas que van encontrando traballo, construíndo amizades, familias, casas,... e van ficando. Unhas poucas, como Karen que veu de Suráfrica, deciden seguir estudando e aquí continúan, lidando coa xeografía, as linguas e as matemáticas.
Para non perder o contacto debido a todas estas vicisitudes, o alumnado dispón deste blog onde encontrar enlaces a recursos e poñerse ao día nalgunhas das actividades, así como coñecer aspectos da lingua e cultura da Galiza e ao que pode acceder para expresar, na propia lingua se quere, elementos da súa cultura como tradicións, gastronomía, música, artesanía ou literatura.

Nenhum comentário:
Postar um comentário