Pesquisar este blog

sábado, 31 de outubro de 2009

que lingua é esta?

Esta lingua é o GALEGO.

Uns mil anos atrás era galego-portugués, idioma falado nun reino do noroeste da península ibérica no que cantaron trovadores e reis poetas.



Hoxe é a lingua da Galiza. Lingua na que podemos entendernos con xentes de Portugal e do Brasil, e coa que podemos tamén viaxar por países de África como Cabo Verde, Guiné Bissau, Santomé e Príncipe, Angola ou Mozambique (onde o sutaque é sorprendentemente parecido!), por Goa na India e Macao na China ou até por Timor Leste, nunha illa entre Australia e Indonesia.

Co galego podemos ir moi lonxe!

No medio do Atlántico, nas illas Azores, e na Madeira, conseguimos, en canto á fala, sentirnos como na casa.

A lingua galega enténdena facilmente as xentes de fala española coas que convive estreitamente e que ademais do suroeste de Europa e algunhas zonas e países de África (norte de Marrocos, Sahara Occidental, Guinea ecuatorial,...) e Filipinas, son moitas as persoas que a falan en América do sur, América central e en parte dos Estados Unidos, onde unha porcentaxe importante da poboación é de orixe hispana.

Co catalán e o éuscaro comparte situación de lingua cooficial e minoritaria dentro do estado español e tópicos comúns en canto a simpatías e rexeitamentos.

Alén disto, o histórico éxodo galego cara a emigración deixou xentes da fala por todas partes, principalmente en Europa e América. Non será difícil atopar alguén que fala galego nalgunhas cidades de Alemania ou Suíza.

O galego, por afinidade léxica, fonética ou ambas, serve de ponte entre portugués, italiano e castelán.

Non nos privemos de disfrutar desta lingua minoritaria con proxección maioritaria. Non permitamos que corra perigo de extinción.

Aprender galego, como calquera outra lingua, "non resta, suma".

Indo un pouco máis lonxe e tendo en conta que unha lingua que se aprende amplía as conexións con outras, estas con outras, e así sucesivamente, podemos afirmar que cada lingua que comprendemos e falamos multiplica de xeito exponencial as nosas posibilidades de comunicación.

Que é do que se trata, despois de todo.

Nenhum comentário:

Postar um comentário